Europa e o Mediterráneo

 

Xénova

RAMON LLULL EN XÉNOVA

Ramon Llull viaxou a Xénova polo menos en 6 ocasións. Alí atopou boa acollida nos ambientes pietistas e trabou amizade co nobre xenovés Percival Spinola. Nunha breve estancia do ano 1290 traduciu ao árabe o Ars inventiva veritatis. É tamén nesta república mariñeira onde, en 1293 toma a decisión de viaxar ao norte de África, desexoso de implicarse persoalmente na conversión dos musulmáns. O medo a ser encarcerado para sempre e mesmo lapidado súmeo nunha profunda crise psicolóxica e enferma gravemente; neste proceso ten diversas visións e decide ingresar na orde terciaria franciscana. Finalmente decide embarcarse cara a Tunes. El mesmo conta maxistralmente ese episodio no libro autobiográfico Vita coetánea.

En 1302 chega de novo a Xénova despois dunha longa viaxe por Chipre e Armenia Menor, durante a cal compón o Llibre dels mil proverbis (‘Libro dos mil proverbios’). Na capital lígur escribe a Lògica nova (‘Lóxica nova’) e, en maio de 1303, traduce ao latín a Retòrica nova (‘Retórica nova’) que escribira en catalán en Chipre. En febreiro de 1304, estando en Montpelier, efectúa unha escapada dun mes a Xénova e quizais outra no verán de 1305; en 1308 hospédase de novo na cidade.

 

XÉNOVA, ENTÉN E AGORA

Xénova, capital histórica da Liguria, alberga un dos portos máis importantes do Mediterráneo. Foi conquistada por Roma no ano 222 a.C. Pertenceu aos bizantinos, aos longobardos, ao Imperio Carolinxio e ao Imperio Xermánico. No século XI os comerciantes, artesáns e burgueses instituíron a república de Xénova. A cidade pasou a ser entón unha potencia mariñeira de primeira orde que chegou a dominar o comercio marítimo do Mediterráneo e obtivo o control das illas de Córsega e Sardeña. «A Superba», como se coñecía entón a Xénova, participou nas cruzadas e tivo frecuentes disputas con outras repúblicas mariñeiras como Pisa e Venecia polo control do comercio marítimo.

En Xénova destacan diversos elementos patrimoniais da Baixa Idade Media: a catedral ou duomo de San Lorenzo (séculos XI-XVI); o porto vello (Porto Antico); o faro da Torre da Lanterna (do 1128, símbolo da cidade); a igrexa de San Mateo (construída entre os séculos XII e XIII pola rica familia Doria); e a Porta Soprana (porta principal de acceso á cidade, anterior ao século XIV).

 

Citas de Ramon Llull

 
«A túa alma posúe maior riqueza que o teu corpo»
 

Mensaxes sobre Ramon Llull

 
Ramon Llull deixou a súa familia e a vida mundana en 1262 para dedicarse en corpo e alma á conversión dos «infieis».
 

Últimas creacións