Viaxar na Idade Media

Ramon Llull pertenceu á minoría que naqueles tempos podía permitirse viaxar con frecuencia. Foi contemporáneo de outro gran viaxeiro: o explorador e mercador veneciano Marco Polo (1254-1324). Llull tamén viaxou moitísimo, pero con propósitos distintos: obter soportes políticos e financeiros aos seus proxectos misionais e probar directamente a forza dos seus argumentos ante interlocutores doutras xeografías e crenzas. Pisou numerosas cidades de Europa, e algunhas de Asia e África. Moveuse cos seus libros ao lombo e cos medios de transporte propios da súa época; nada que ver coa facilidade que existe hoxe en día para viaxar. Non obstante, grazas aos viaxeiros coma el, a Idade Media europea foi abríndose a novos horizontes culturais.

Quen viaxaba?
  1. Mercadores, emigrantes, mensaxeiros, militares, relixiosos, nobres, recadadores de impostos, artesáns, prostitutas, artistas, xograres, estudantes, intelectuais, vagabundos, esmoleiros, etc.
  2. Os campesiños viaxaban para vender os seus produtos nas feiras e mercados locais, realizando traxectos curtos, normalmente ata a vila máis próxima; é sabido que no interior de Mallorca, por exemplo, moitos morrían sen ver nunca o mar.
  3. Co descubrimento, a principios do século IX, dos restos do apóstolo Santiago en Galicia, o Camiño de Santiago devén a principal ruta de peregrinación e configúrase como un eixo que contribuirá a vertebrar Europa; iso leva a que moitas máis persoas viaxen.
  4. As repoboacións ou colonizacións posteriores ás grandes conquistas levaban movementos migratorios en masa, sobre todo de campesiños que buscaban novas terras e un futuro mellor para os seus.
  5. Todo o mundo camiñaba con frecuencia. A non existencia, na Idade Media, de medios mecánicos de locomoción, facía que as persoas tivesen unhas pernas fortes acostumadas a camiñar; este feito púidose documentar co estudo forense de esqueletos da época.
Vie de Saint Denis, folio 1. 1317. Escenas da vida de San Dionisio. Detalle dun peregrino entrando en París. Arte gótica. Miniatura. París. Biblioteca Nacional. Iberfoto. Photoaisa.
Canto duraban as viaxes?

POR TERRA

  1. Os traxectos duraban dende a saída ata a posta do sol, mesmo cando era necesario ir e volver no mesmo día.
  2. A pé, a distancia media percorrida nun día era duns 25 quilómetros e podía chegar aos 50 ou 60 no caso dos mensaxeiros profesionais (verdadeiros atletas).
  3. A cabalo, o traxecto diario podía roldar entre os 60 e os 100 quilómetros; iso significa que atravesar a actual Francia podía levar entre 12 e 20 días (con bo tempo e sen a aparición de dificultades engadidas).
  4. Na navegación fluvial a velocidade era moi distinta segundo se se viaxaba a favor ou en contra da corrente. Por exemplo, no Ródano: de Lión a Aviñón 24 horas, e de Aviñón a Lión ata un mes.
Tapiz da Creación: día de Sol (Dies Solis). Románico. Escola catalá. 1050-1100. Tapiz. Detalle. Xirona. Museo Capitular-Tesouro da Catedral. J. Bedmar/Iberfoto.Retrato ecuestre de Guidoriccio da Fogliano. 1328-1330. Simone Martini, Simone di Martino (1284-1344). Siena, Italia. Palacio Público. Detalle central superior. Gótico internacional. Fresco. Vannini/Iberfoto. Photoaisa.

POR MAR

  1. Para navegar de Tunes a Mallorca necesitábanse 2 ou 3 días; de Tunes a Xénova ou Pisa, 7; desas cidades italianas a Mallorca, 3; e de Alexandría a Barcelona, 14. Trátase de tempos medios; os tempos reais podían diferir moitísimo segundo as condicións meteorolóxicas e o número de escalas.
Peregrinos en viaxe a Terra Santa. Ilustración en Peregrinationem in Terram Sanctam, século XII. Biblioteca Marciana, Venecia. Miniatura. Costa/Leemage.
Como se viaxaba?

POR TERRA

  1. As viaxes por terra seguían a antiga rede de vías romanas, xa moi deterioradas, ata que, a partir do século XII, comezan a rehabilitarse.
  2. Usábanse listas de traxectos, case nunca mapas de camiños, que empezan a difundirse no século XIV. A información oral era a máis usada e adoitaba ser a máis válida e actualizada.
  3. Era frecuente viaxar en grupo e con moita carga: mercadorías, comida, penso, armas, ferramentas, tendas, roupa, diñeiro, documentos, etc. Os peregrinos viaxaban máis lixeiros de equipaxe.
  4. Viaxar resultaba caro: carrexadores, roupa adecuada e elegante, peaxes, propinas, aloxamento, comidas, veterinarios, etc.
  5. Para viaxar, o viño era a bebida máis recomendable fronte a unhas augas insalubres, especialmente nas cidades.
  6. Na Idade Media os vehículos rodados como os carros son útiles nas distancias curtas, pero úsanse pouco nas viaxes longas debido ao mal estado xeral dos camiños.
  7. A montura é un medio moi empregado: cabalo, mula ou asno. Evita a fatiga do camiñar, permite a carga e adáptase ben aos camiños rústicos; normalmente non se vai ao galope, nin sequera ao trote. Trátase, case sempre, de animais de aluguer.
Entrada en París dunha dilixencia de viaxeiros. Escenas da vida de san Dionisio (Vie de Saint Denis), 1317. Fol. 125. Arte gótica. Miniatura. París. Biblioteca Nacional. Iberfoto.

POR MAR

  1. Para os percorridos longos entre cidades costeiras preferíase a vía marítima, máis rápida e cómoda, á terrestre (por exemplo entre Barcelona e Xénova).
  2. No Mediterráneo, no canto de entrar en alta mar, practicábase moito a navegación de cabotaxe, é dicir, «de cabo a cabo», sen perder de vista a costa; iso permitía refuxiarse nos portos en caso de mal tempo.
  3. Adoitábase navegar principalmente no verán (preferentemente en xuño e xullo), cando o mar está máis acougado.
  4. As forzas motrices das embarcacións eran o remo (na galera e no laúde) e a vela (na nao, na coca e na carabela); este último sistema combinábase co uso de remos.
  5. Os métodos máis habituais para manter o rumbo eran, de día, a posición do sol e a solta de paxaros embarcados e, de noite, as estrelas.
  6. Na Baixa Idade Media difúndense entre os navegantes europeos diversos avances científicos que facilitarán a navegación de altura e con poucas escalas. A maioría deles introducíronos os mariñeiros islámicos: a vela triangular latina (século XII), o compás (cara a 1200), o temón de popa (século XIII) e as primeiras cartas marítimas (século XIII). O astrolabio e o cuadrante non se difundirán ata o século XV.
  7. Os mercadores xenoveses e venecianos comerciaban co afastado Oriente, pero non directamente, senón a través dos intermediarios de Asia Menor que facían de ponte entre os barcos e as caravanas da Ruta da Seda.
  8. Na Baixa Idade Media o único servizo regular de pasaxeiros en todo o Mediterráneo era a galera, que anualmente facía o traxecto de Venecia a Terra Santa cargada de peregrinos.
Chegada de peregrinos a Siria. Veleiro aproximándose ao porto de Jaffa e viaxeiros pagando impostos para entrar en Tiro. Ilustración no Libro de las Maravillas del Mundo cara a 1371. British Library. Miniatura. British Library/The Bridgeman Art Library.

POLOS RÍOS

  1. Algúns dos percorridos continentais que hoxe realizamos por estrada podíanse facer por vía fluvial (por exemplo ao longo do Ródano e do Ebro, ata Zaragoza).
  2. A navegación fluvial requiría o pago da peaxe e utilizábase sobre todo para as mercadorías.
  3. A navegación fluvial complementábase moi ben, tanto coa navegación marítima como coas rutas terrestres.
  4. A construción de encoros nos grandes ríos impediría hoxe esta forma de viaxe.
Transporte de carbón polo río Sena, ás portas de París. Vie de Saint Denis, folio 1. 1317. Escenas da vida de san Dionisio. Arte gótica. Miniatura. Francia. París. Biblioteca Nacional. Iberfoto. Photoaisa.
Onde durmían os viaxeiros?

EN TERRA

  1. Había unha rede limitada de pousadas; nos camiños máis importantes había hospitais (é dicir, hostais, normalmente vinculados á Igrexa, que acollían pobres e peregrinos por un tempo limitado).
  2. A hospitalidade nas casas de campo era unha práctica frecuente que, nalgúns países, era obrigatoria.
  3. Carlomagno instou aos bispos a fundar hospedarías diferenciadas para pobres e ricos, adiantándose así á categorización actual dos hoteis por estrelas.
Dereito de asilo nos conventos e nas igrexas. Ilustración do cantar de xesta L'entrée d'Espagne do século XIV, que narra a expedición de Carlomagno a España. Arte gótica. Miniatura. Venecia, Italia. Biblioteca Nacional Marciana.
BeBa/Iberfoto. Photoaisa.

NO MAR

  1. Nas viaxes marítimas era mellor durmir na ponte que baixo cuberta, onde a calor e o mal cheiro eran insoportables; os pasaxeiros non levaban roupa de recambio, quedaban infestados de piollos e nas latrinas entraban as ondas.
Barco cargado de persoas. Salterio de Lutrell. Gótico século XIV. Iberfoto. Photoaisa.
Que podía pasar durante a viaxe?

EN TERRA

  1. Incidencias posibles eran: os atracos de bandoleiros, as peaxes imprevistas, o cansazo dos cabalos, guerras, pestes, accidentes, unha ponte rota, unha nevada, etc.
  2. O calzado da época aguanta pouco as longas camiñadas, polo que moitos viaxan descalzos.
  3. A longa duración e a dureza das grandes viaxes como as peregrinacións implicaban que un elevado número de viaxeiros perdesen a vida nos traxectos.
Persoas a cabalo dispóñense a atravesar unha ponte. Ilustración sobre a Cerdeira. Tomás de Cantimpre (1201-1276). Codex Granatensis: De natura rerum, século XV. Edición de Granada do orixinal do s. XIII. Arte gótica. Miniatura. Granada, España. Biblioteca Universitaria de Granada. J. Bedmar/Iberfoto. Photoaisa.

NO MAR

  1. Os perigos máis graves eran a piratería, o corso e os naufraxios.
  2. Os seguros marítimos non aparecen ata o século XV e contribuirán ao impulso da navegación comercial.
A raíña Isolda libera a Tristán e embarcan cara ao reino de Logres. Romance de Tristán e Isolda, de Everard de Espinques, escrito por Gassien de Poitiers. Fol. 282v. Arte gótica. Miniatura. Chantilly, Francia. Museo Condé.
BeBa/Iberfoto. Photoaisa.

EN TERRA E NO MAR

  1. A existencia de moedas locais implicaba ter que cambiar diñeiro con frecuencia, cos abusos que iso adoitaba supor.
  2. A diversidade de medidas locais representaba un verdadeiro problema, especialmente para os mercadores.
  3. O descoñecemento dos costumes era con frecuencia unha dificultade; as leis de ámbito local non adoitaban amparar aos foráneos.
  4. O latín seguía sendo, en toda a beira norte do Mediterráneo, unha especie de lingua franca comprensible para a maioría de persoas.
Cambiador xudeu. Sanctorum Peregrinationes in Terram Sanctam, de Bernhard von Breindenbach (1440-1497). Arte gótica. BeBa/Iberfoto. Photoaisa.
 

Citas de Ramon Llull

 
«O home avaro non ten nada»
 

Mensaxes sobre Ramon Llull

 
Ramon Llull deixou a súa familia e a vida mundana en 1262 para dedicarse en corpo e alma á conversión dos «infieis».
 

Últimas creacións