Europa e o Mediterráneo
Tunes
RAMON LLULL EN TUNES
A mediados de 1293 Ramon Llull decide efectuar a súa primeira viaxe misional a terras africanas. Sae de Xénova cara a Tunes, cidade gobernada entón polo emir Abu-Hafs Umar I; embarca nunha galera, ás agachadas dos seus amigos, por medo a que o obriguen a permanecer no porto por atoparse enfermo. Conta Llull en Vita coetanea que, enseguida que chegou a Tunes, púxose en contacto cos máis prestixiosos sabios musulmáns e díxolles que, se eran capaces de convencelo, converteríase ao Islam. O que en realidade sucedeu foi ben distinto: foi golpeado, encarcerado e condenado a morrer decapitado, pena que o emir finalmente lle conmutou pola de expulsión do reino. No barco de volta, rumbo a Nápoles, escribe infatigable a Taula general, unha nova versión da ‘Arte’.
Finalmente, en 1315, con máis de oitenta anos de idade, emprende a súa terceira misión ao norte de África como un máis dos «christiani bene litterati et lingua arabiga habituati» e embarca de novo cara a Tunes. Alí escribiu as súas últimas obras, en decembro de 1315, que dedicou ao entón emir de Tunes Abu Yahiya. Trátase da derradeira viaxe da súa vida, pois, segundo as teorías que defenden o seu martirio, morrerá no barco que o devolvía a Mallorca por mor das graves feridas producidas pola lapidación que sufriu na cidade africana.
TUNES, ENTÓN E AGORA
Tunes é a capital do país norteafricano homónimo. Situada na costa do Mediterráneo, conta co importante porto da Goleta, que en realidade é un lago unido ao mar por unha canle. Na súa orixe foi unha praza forte que protexía Cartago, cuxas ruínas se conservan ao norte da cidade actual. Pasou a mans dos romanos no ano 144 a.C. Despois conquistárona, sucesivamente, os vándalos, os bizantinos e os musulmáns (695). En 1236 converteuse na capital do reino musulmán háfsida, que estableceu intensas relacións comerciais e diplomáticas con Europa e especialmente coa coroa catalano-aragonesa. En 1270 Tunes é tomada polo rei de Francia Luis IX o Santo, no marco da oitava cruzada; así e todo, as súas tropas son presa da disentería (da cal el mesmo morre) e deben abandonar a cidade.
A parte antiga de Tunes (a Medina) presenta máis de 700 monumentos e conta coa declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO dende 1979. Entre os edificios medievais máis notables destaca a mesquita de Al-Zaytūna (séculos VIII-IX) que aínda hoxe constitúe un dos centros de estudos relixiosos máis importantes do Magreb. Da época háfsida consérvanse as murallas, os bazares, a quașba e a mesquita de Al-Qșar.