Europa e o Mediterráneo

 

Rocamadour

RAMON LLULL EN ROCAMADOUR

Rocamadour é un mosteiro situado ao leste de Bordeos, a onde Ramon Llull acode en peregrinación en 1265, con trinta e tres anos de idade. Neste importantísimo centro da peregrinación medieval pide axuda a Deus para acometer os tres propósitos que se propuxo despois da súa conversión: a predicación aos «infieis», a escritura dun gran libro e o apoio de papas e reis á súa causa. Nesta mesma viaxe peregrina tamén a Santiago de Compostela, probablemente a través do ramal francés do histórico Camiño de Santiago.

 

ROCAMADOUR, ENTÓN E AGORA

Rocamadour (Ròcamador en occitano) é un municipio duns setecentos habitantes pertencente ao departamento de Lor, no sur de Francia. Está situado no val do río Alzou, ao pé das montañas de Causse, nun lugar de gran beleza que atraeu durante séculos a artistas, arqueólogos e sobre todo a unha multitude de peregrinos e turistas. Rocamadour é coñecido polo impresionante complexo relixioso que alberga, que antigamente chegou a contar con dezanove igrexas. Os edificios alzáronse na roca dun gran cantil e accédese a eles a través dunha longa escaleira de 216 banzos que os peregrinos subían de xeonllos.

Na igrexa de Notre-Damme (dedicada á Virxe Negra) pódese contemplar un fragmento da espada Durandal que, segundo a tradición, pertenceu ao heroe mítico Roland e, na igrexa subterránea de Saint Amadour (1166), consérvanse as reliquias de San Amador. Rocamadour foi un dos lugares relixiosos máis visitados da Europa medieval e formaba parte do Camiño de Santiago. A Virxe Negra de Rocamadour é venerada tamén en Fisterra. Entre os seus visitantes históricos, ademais de Ramon Llull, atópanse reis como Luis IX de Francia, Enrique II de Inglaterra ou Alfonso III de Portugal, e predicadores como Domingo de Guzmán ou San Antonio de Padua. Na actualidade, Rocamadour conta co recoñecemento de «Gand Site National de France».

 

Citas de Ramon Llull

 
«Ningún tesouro é maior que a verdade»
 

Mensaxes sobre Ramon Llull

 
Ramon Llull creou e difundiu o Ars (‘Arte’), unha ambiciosa ferramenta intelectual para compendiar todo o saber humano do seu tempo.
 

Últimas creacións