Ramon Llull: Obra literaria

Prólogo da obra de Ramón LLull Blanquerna (1283-1285). Edición publicada en Valencia por Joan Joffre en 1521. Photoaisa.
Primeira páxina dunha edición do século XV do Llibre de la contemplació de Déu (‘Libro da contemplación de Deus’), obra escrita por Ramón Llull entre 1271 e 1274. Iberfoto. Photoaisa.
Páxina de inicio do prólogo do Libre del Orde de Cavaylería (‘Libro da Orde de Cabalería’). Manuscrito facsímile do s. XV. Iberfoto. Photoaisa.
Portada do códice De Laudibus Beatissimae Virginis Mariae, de Ramón Llull. Edición publicada en París por Gui Marchand en 1499. Miniatura. Barcelona. Biblioteca de Cataluña. M.C. Esteban/Iberfoto. Photoaisa.

Contabilizáronse ata 265 títulos de Ramon Llull, dos cales tan só se conservan 30 códices orixinais. Velaquí algunhas das súas obras principais, presentadas por orde cronolóxica:

  1. Ars compendiosa inveniendi veritatem (1274). ‘Arte abreviada para achar a verdade’. Constitúe a primeira versión da Arte, inspirada na iluminación vivida na montaña mallorquina de Randa e escrita no mosteiro da Real (Palma).
  2. Llibre de contemplació en Déu (1273-1274). ‘Libro de contemplación en Deus’. É o seu primeiro libro. Debido á súa ambición conceptual e á súa enorme extensión (máis de mil páxinas na súa versión máis compacta) cualificouse de «enciclopedia sistemática de Deus e da natureza» e de «catedral bibliográfica». Constitúe unha chamada constante á piedade por parte dun Llull, que acaba de experimentar a conversión e chora os seus pecados.
  3. Llibre del Gentil e dels tres savis (1274-1276). ‘Libro do Xentil e dos tres sabios’. Presenta unha polémica relixiosa en termos tolerantes entre un xentil que non ten coñecemento de Deus, un xudeu, un musulmán e un cristián. Llull demostra un alto grao de coñecemento da relixión islámica e da xudía. A ficción mostra un debate emotivo e elegante baseado en combinacións binarias.
  4. Llibre de l’orde de cavalleria (1274-1276). ‘Libro da orde de cabalería. Pequeno tratado sobre os valores morais e relixiosos vinculados ao exercicio das armas.
  5. Doctrina pueril (1274-1276). ‘Doutrina pueril’. Catecismo didáctico, dirixido a un público laico.
  6. Llibre d’Evast e Blanquerna (1283). ‘Libro de Esvast e Blanquerna’. Trátase da gran novela de Ramon Llull, coñecida a miúdo por Blanquerna, e escrita en Montpelier. Blanquerna é o nome do novo monxe protagonista, fillo de Esvast, que abandona a súa familia e pasa unha serie de probas á procura da perfección espiritual. No seu periplo, chega ao abade e ao papa e toma importantes decisións, sempre de forma «correcta». Contén as obras Llibre d’Amic e Amat e Art de contemplació e é froito da maduración da súa experiencia espiritual en Miramar.
  7. Llibre d’Amic e Amat (1283). ‘Libro de Amigo e Amado’. Constitúe unha xoia da literatura mística e presenta a experiencia contemplativa do monxe Blanquerna. Evoca sutilmente a tradición sufí musulmá.
  8. Art demostrativa (1283). ‘Arte demostrativa’. Foi escrita en Montpelier e constitúe unha segunda versión da Arte de 1274. Preséntase acompañada das Figuras e do Alfabeto, que fan visibles os compoñentes estruturais da Arte e facilitan o manexo dos mecanismos combinatorios e dos cálculos.
  9. Llibre de meravelles (1287-1289). ‘Libro de Marabillas’. Este libro, coñecido tamén como o Fèlix, constitúe unha ambiciosa novela didáctica e escribiuna durante a súa primeira estancia en París. O protagonista, Fèlix, é un peregrino que observa sorprendido (en catalán medieval meravellat, é dicir ‘marabillado’) a realidade da época. Combina narración e diálogos de cariz didáctico. Contén o Llibre de les bèsties.
  10. Llibre de les bèsties (1288-1289). ‘Libro das bestas’. Ocupa, dentro do Llibre de meravelles, o lugar que corresponde a un tratado de zooloxía, pero en realidade é unha seria reflexión sobre a política e a corrupción en forma de fábula. No personaxe de Renard (a raposa), Llull retrata algunhas das facetas máis tenebrosas da condición humana.
  11. Taula general (1293-1294). ‘Táboa xeral’. Nova versión da ‘Arte’, que escribe entre Tunes e Nápoles.
  12. Desconhort (1295-1305?). ‘Desconsolo. Trátase dun traballado debate en verso entre Ramon (é dicir, el mesmo) e un ermitán reticente á súa causa. No libro expresa o seu propio desánimo, despois de trinta anos de loitar pola Arte. Neste poema incorpora recursos literarios propios da poesía trobadoresca.
  13. Arbre de ciència (1295-1296). ‘Árbore da ciencia’. Escrito en Roma, constitúe unha versión da Arte en forma de enciclopedia destinada a un público non universitario. Non se trata dun catálogo ao estilo medieval tradicional, senón que, mediante dezaseis simbolismos arbóreos (que corresponden a outros tantos capítulos), mostra a articulación entre todas as ciencias, segundo os principios da Arte. Considérase a variante máis fermosa e completa da Arte luliana.
  14. Arbre exemplifical (1295-1296). ‘Árbore exemplifical’. É a quinceava árbore ou capítulo do Arbre de ciència. Ofrece exemplos das catorce árbores anteriores, cun cariz fundamentalmente temático; ten unha dimensión literaria, didáctica e mesmo lúdica.
  15. Cant de Ramon (1300). ‘Canto de Ramón’. Trátase dunha autobiografía en verso, escrita en Mallorca, que busca a complicidade do lector para a causa do autor. Neste poema, que tamén lembra á poesía dos trobadores, laméntase do éxito limitado da súa empresa, con fragmentos moi emotivos.
  16. Retòrica nova (1301). ‘Retórica nova’. Esta obra dá consellos e regras para facer discursos, os cales deben de conter catro elementos: orde, beleza, ciencia e caridade. Llull é consciente do poder da retórica e formúlaa de novo.
  17. Lògica nova (1303). ‘Lóxica nova’. Escribe esta obra en Xénova. Nesa lóxica, que cualifica de «nova» porque está edificada sobre a Arte, pretende poñer regras á concepción da realidade, máis que á linguaxe, tal como correspondería a un tratado de lóxica convencional.
  18. Liber de fine (1305). Propiamente, Liber de maiore fine intellectus amoris et honoris (‘Libro sobre o fin maior da intelixencia: o amor e a honra’). Trátase da súa obra política máis importante e escribiuna en Montpelier. Nela fala da predicación aos «infieis» e dunha eventual cruzada militar a Terra Santa como un proxecto xeoestratéxico tanxible que inclúe aspectos concretos como a xerarquía ou o itinerario.
  19. Art breu (1308). ‘Arte breve’. Esta obra, escrita en Pisa, redactouse con vontade simplificadora e por iso foi a versión máis difundida e lida da Arte. Inclúe as Figuras e o Alfabeto.
  20. Vita coetanea (1311). ‘Vida contemporánea. Obra autobiográfica ditada por Llull a un monxe da cartuxa de Vauvert, en París. Contén un bo número de detalles sobre a súa propia vida. Está considerada unha das mellores biografías medievais.
  21. Fantàstic (1313). ‘Fantástico. Opúsculo escrito durante a viaxe de París a Viena do Delfinado, onde se ía celebrar un concilio da Igrexa. Presenta un diálogo estéril entre o clérigo Pere e Ramon (el mesmo). Cualifícase a si mesmo de fantàstic (‘fantástico’) é dicir, de boig (‘tolo’) en terminoloxía catalá medieval.
  22. Art abreujada de predicació (1312-1313) ‘Arte abreviada de predicación’. Escrita durante unha estancia en Mallorca. Trátase dunha colección de sermóns e constitúe de feito unha exposición da súa idea da predicación, que era o medio de comunicación máis eficaz na Idade Media.
 

Citas de Ramon Llull

 
«Quen ten moitos amigos ten moitas e grandes riquezas»
 

Mensaxes sobre Ramon Llull

 
Ramon Llull foi visto como un precursor do pensamento combinatorio, básico na informática moderna.
 

Últimas creacións