Mallorca
Mosteiro de Miramar (Valldemossa)
RAMON LLULL EN MIRAMAR
En 1276, baixo o patrocinio do rei Xaime II, Ramon Llull fundou un colexio misional no mosteiro de Miramar, en Valldemossa, que ata entón estivera baixo o dominio do mosteiro da Real. O mesmo ano recibe confirmación papal para o devandito colexio de parte de Xoan XXI (o lisboeta Pedro Hispano), coñecido polos seus escritos filosóficos e científicos). Alí instálanse trece frades menores franciscanos, que se dedican á aprendizaxe do árabe e da Arte luliana, o método universal que debe facer posible a conversión a través da razón. Llull reside en Miramar uns tres ou catro anos, ata 1279. En 1295, o mosteiro foi abandonado e Llull laméntase por iso en Desconhort.
O mosteiro pasa de novo á Real e a outras ordes relixiosas e, no século XV, establécense nel dous lulistas que montan alí unha imprenta que, en 1485, publica o primeiro libro impreso en Mallorca. En 1872 o Arquiduque Luis Salvador de Austria merca o predio, restablece o oratorio (1877) e levanta diversos monumentos á memoria de Ramon Llull.
DESCRICIÓN
Miramar é un lugar singular da vertente marítima da Serra de Tramuntana. Está orientado ao noroeste, situado no termo municipal de Valldemossa e de camiño a Deià, entre os predios de S’Estaca e de Son Marroig. Trátase dun lugar dunha beleza abraiante, grega e selvática ao mesmo tempo, onde a verticalidade do relevo ofrece un balcón privilexiado sobre un Mediterráneo que se acende en lume cada solpor.
RECOÑECEMENTO PATRIMONIAL
Lugar Natural da Serra de Tramuntana.