Leer a Ramon Llull

Portada do Libre del Orde de Cavaylería (‘Libro da Orde de Cabalería’). Manuscrito facsímile do s. XV. J. Bedmar/Iberfoto. Photoaisa.

Seguidamente preséntase unha selección de oito textos de Ramon Llull, escritos en catalán medieval e coa grafía orixinal. Preséntanse por orde cronolóxica. Cada un deles vai acompañado dun breve comentario.

 

Llibre de contemplació en Déu

«Libro de contemplación en Deus»

Escrito inicialmente en árabe entre os anos 1271 e 1274, o Llibre de contemplació amósanos un Ramon Llull pletórico de forza e de optimismo aos seus corenta anos. Trátase dunha obra ambiciosa, escrita en Mallorca, que foi cualificada de «enciclopedia ou retablo da Idade Media» pola súa calidade exhaustiva e o seu colorismo. Os dous primeiros fragmentos corresponden á primeira distinción, que comprende tres capítulos (dos 365 que ten o libro), e que leva por título «D’alegre». A referencia despectiva aos xograres diríxese en realidade aos trobadores, aos cales, non obstante, Llull debeu de sentirse próximo antes da súa conversión, acaecida aos trinta anos.

FONTE: http://www.mallorcaweb.com/Mag-Teatre/llull/altresobres.html#Arbre%20de%20ciència

 

Llibre de gentil e los tres savis

«Libro do xentil e dos tres sabios»

Este libro foi escrito primeiro en árabe, entre 1274 e 1276, e traducido posteriormente ao catalán. Nel, tres sabios (un xudeu, un musulmán e un cristián) debaten ante un xentil (non crente), o cal deberá darlle a razón a un deles. A singularidade da trama consiste en que os tres sabios regresan aos seus países de orixe máis convencidos se cabe da súa propia fe, mentres o lector remata o libro sen saber quen saíu vitorioso. No fragmento reproducido, o autor narra o seu encontro, xunto a unha fonte, cunha dama chamada «Filosofía de amor». Destaca a opción decidida do autor pola integración harmónica entre o amor e a razón nunha «Arte amativa» na que a ciencia estaría ao servizo do ben.

FONTE: http://www.mallorcaweb.com/Mag-Teatre/llull/altresobres.html#Arbre%20de%20ciència

 

A vos, dona verge santa Maria

(versos 1 a 20)

«A vostede, Virxe Santa María»

O Llibre d’amic e amat é un fermoso poema de amor místico apaixonado ou máis propiamente tolo (‘foll’). Está integrado na novela Blanquerna (1283), que narra a historia ficticia do monxe Blanquerna que chega a papa para finalmente renunciar aos seus privilexios e levar unha vida ermitá e contemplativa. Neste poema de ecos orientais, Ramon Llull válese dunha linguaxe onde o «amigo» é Blanquerna (en realidade, el mesmo), mentres que o «amado» é Deus. Abundan as referencias ao sufrimento e á soidade, así como as metáforas relacionadas coa natureza. Consta de 366 versos, coa idea de que cada un deles sirva de reflexión e oración para un día do ano.

FONTE: http://www.mallorcaweb.com/Mag-Teatre/llull/amic.html  e Antoni Artigues (UIB). 

 

Llibre de les bèsties

III. De la traïció que Na Renart tractà del rey

«Libro das bestas»

«III. Da traizón que o Raposo intentou contra o rei»

O Llibre de les bèsties (escrito entre 1288 e 1289, probablemente en París) é unha fábula na que Ramon Llull se serve dos animais para lanzar mensaxes morais de cariz social e político. Pertence ao Llibre de meravelles ou Fèlix. No fragmento reproducido aparecen o elefante (Orifan), a serpe (Serp), o galo (Gall) e o raposo (Renart); este último trama unha conspiración contra o rei. O autor traza un paralelismo entre a existencia de grupos contrapostos de animais (carnívoros fronte a herbívoros) e o difícil acordo entre os grupos humanos (cristiáns ante sarracenos) na súa época.

FONTE: Bibilonet (Guía interactiva de literatura catalá): El llibre de les bèsties de Ramon Llull. http://www.xtec.es/~lrius1/llull/contenidor.htm

 

Cant de Ramon

(fragmentos)

[...]

«Canto de Ramón»

 Esta selección de fragmentos corresponde ao Cant de Ramon (1300), o poema autobiográfico que Ramon Llull escribiu en Mallorca con case setenta anos de idade. Neles podemos apreciar importantes aspectos da súa propia vida: os anos de mocidade e a visión de Cristo crucificado (primeira estrofa); unha fermosa referencia ao mosteiro mallorquino de Miramar, onde fundara unha escola de linguas orientais (segunda); o afán por converter a sarracenos, tártaros e xudeus (terceira); o lamento polos seus fracasos (cuarta e quinta); a consideración da súa propia tarefa como de «trobador de libros» (sexta); e unha súplica ao Señor na que inclúe bens como a saúde, o gozo, a liberdade e os bos compañeiros (nas dúas últimas estrofas).

 FONTE: Llull, Ramon. “Cant de Ramon”. Antologia general de la poesia catalana. Barcelona.

Ed. 62, MOLC, 1979. (p.11-12-13) http://www.musicadepoetes.cat/mdpAdmin/media/513-cantderamon.pdf

 

Desconhort

(fragmentos)

«Desconsolo»

Desconhort é un emotivo poema autobiográfico escrito nunha data imprecisa entre 1295 e 1305. Intégrano sesenta e nove estrofas monorrimas de doce versos alexandrinos cada unha e debía ser cantado segundo o ritmo do poema épico carolinxio Berard de Montdidier. Reflicte a gran tristeza que invade o autor, que se sente fracasado despois de máis de trinta anos de perseguir inutilmente o apoio de papas e reis para a súa misión de converter aos «infieis» mediante as razóns da súa Arte. Formalmente trátase dun diálogo entre un monxe, partidario da vida ermitá sen máis, e o propio autor (Ramon) que, a pesar de todo, trata de non caer no desánimo e propón de novo a acción.

FONTE: http://www.mallorcaweb.com/Mag-Teatre/llull/desconhort.html e Antoni Artigues (UIB).

 

Senyor Deus: pluja (89.11.a)

De Oracio (versos 694 a 732)

«Señor Deus: chuvia»

Estes versos forman parte do longo poema Del consilii (‘Do concilio’), escrito no mes de outubro de 1311, pouco antes do concilio de Viena do Delfinado (1311-1312) ao cal fai referencia. Ramon Llull escribiuno na viaxe de París a Viena (Vienne, Isère), ao sur de Lión, a onde se dirixía para asistir ao conclave da Igrexa católica. No texto o autor pídelle a Deus, unha e outra vez, chuvia (‘pluja’) «para que o mal fuxa, pois o pecado sobe». Ao ritmo do refrán, resulta fácil imaxinar o paso lento do cabalo e a chuvia no camiño.

FONTE: Ed. Salvador Galmés: Ramon Llull, Rims, vol. II, Palma de Mallorca, Diputació Provincial de Balears, 1938, p. 255. http://www.rialc.unina.it/89.11.htm#Senyor%20Deus:%20pluja

 

Citas de Ramon Llull

 
«Quen ten moitos amigos ten moitas e grandes riquezas»
 

Mensaxes sobre Ramon Llull

 
Ramon Llull tiña unha vitalidade extraordinaria: viviu máis de oitenta anos e escribiu máis de 250 libros.
 

Últimas creacións