Europa e o Mediterráneo

 

Bugía

RAMON LLULL EN BUGÍA

A mediados de 1307, Ramon Llull, con setenta e cinco anos de idade, embarca en Mallorca rumbo á cidade alxerina de Bugía. Na súas prazas e rúas predica de viva voz (probablemente en árabe, lingua que coñece ben) as «razóns necesarias» que, segundo el, demostrarían a verdade da fe cristiá. Non obstante, o que consegue é que unha multitude furiosa o agrida e o intente matar. É detido e levado ante o muftí (autoridade relixiosa local), establecéndose entre ambos os dous un diálogo, anotado polo propio Llull no libro autobiográfico Vita Coetanea. Finalmente encarcérano en penosas condicións.

As influencias catalá e xenovesa ante o rei de Bugía Abul-Baqá Halid, conseguen un mellor trato para o reo, ao cal esperaba unha morte certa. Finalmente, o monarca expúlsao da cidade, despois de seis meses no cárcere, e embárcao rumbo a Pisa. Mentres tanto, Llull, incansable, conseguira empezar o texto árabe de Disputatio Raymundi christiani et Homeri saraceni, que reflicte as súas disputas dialécticas cos sabios alxerinos.

 

BUGÍA, ENTÓN E AGORA

Bugía ou Béjaïa (Biyāya en árabe), situada na costa mediterránea de Alxeria, a 180 km ao leste de Alxer, é a cidade máis importante da gran rexión bereber da Cabilia. O emperador romano Augusto fundouna no ano 26 ou 27 a.C. co nome de Saldae. No século VIII conquístana os árabes, arrebatándolla aos vándalos, e, en 1152, foi tomada polos almohades. Durante a Baixa Idade Media foi un dos portos máis activos do Mediterráneo, comerciando sobre todo con Pisa, Barcelona e Palma. Fíxose famosa pola exportación de cera de abella (a palabra castelá bujía, ‘candea’, provén do nome da cidade). Foi un dos centros culturais máis importantes do mundo occidental da Baixa Idade Media, con sabios como Ibn Battûta e, a finais do século XIV, Ibn Kaldun. Bugía foi o foco científico dende o cal os números arábigos penetraron na cultura europea a través de navegantes italianos, a principios do século XIII.

Actualmente Bugía segue sendo un porto moi activo, agora na exportación de petróleo. A cidade conservou bens patrimoniais como a fortificación Moussa, a Cashba ou a porta Sarracena.

 

Citas de Ramon Llull

 
«Quen non se ten a si mesmo é moi pobre»
 

Mensaxes sobre Ramon Llull

 
Ramon Llull estudou o Islam e a Cábala coa intención de rebater a fe de musulmáns e xudeus, aos que el consideraba «infieis».
 

Últimas creacións